28 de abril de 2017

Reflexión sobre o uso de Osmo no Ceip nº 1

É inevitable e por suposto incongruente ignorar a influencia das TIC no noso día a día. Xa hai algún tempo que camiñamos a paso lixeiro pola era dixital e en materia educativa é evidente que ese necesario cambio xa está en marcha.
O dixital controla a nosa realidade vital desde o inicio do día: o noso espertador deixou de vocexar desesperadamente na mesa de cabeceira para dar paso a unha melodía motivadora que sae do noso smartphone. Comprobar qué tempo vai na nosa cidade, revisar últimas noticias, actualizar as nosas redes sociais, buscar receitas de comida green, consultar parámetros despois dunha sesión de gym ou running, facer anotacións sobre rutinas de sono...
A nosa vida está dominada pola dixitalización, entón, por qué nos resistimos a aceptar que os nosos peques xa non vivirán xamais de maneira analóxica?
Hai xa algún tempo aliñáronse os astros para facer coincidir nun mesmo centro educativo a Nuria Garabal, Marta Álvarez e Nuria Feijóo; recentemente outro capricho do destino (tamén coñecido como CADP ou CXT) quixo que Vanessa Táboas formase parte deste equipo que comparte inquedanzas, tolemias, fame de coñecemento, ansiedade polo cambio... e 4 iPads como ferramenta didáctica.
Todas coincidimos no instinto dixital e grazas a que nos enfrascamos nunha espiral de cultura de colaboración en moi pouco tempo vímonos inmersas en longas conversacións e WhatsApps (como non?) sobre apps de todo tipo nas que fedellamos día a día sen cesar nas nosas aulas. 
Que por qué? porque todos somos conscientes de que a nosa escola debe avanzar ao mesmo ritmo que o fai a nosa sociedade. Que estes dispositivos conseguen chegar onde ás veces os mestres non somos capaces, porque as pantallas retroilumoinadas entre as súas pequenas mans emanan MAXIA... e cando a maxia ten lugar ante os ollos dun neno, a mente e o corazón ábrense e xa nada volve ser igual.
Traballamos cada día con dispositivos persoais do profesorado que brindamos ao noso alumnado porque nós cremos nesa maxia. Oxalá contásemos co apoio da administración como xa ocorre nalgunha outra comunidade autónoma para que nos brindasen os medios económicos necesarios e seguir xogando ao "abracadabra" da aprendizaxe. 
Mentres tanto... seguiremos argallando.


No hay comentarios:

Publicar un comentario