28 de abril de 2017

Reflexión sobre o uso de Osmo no Ceip nº 1

É inevitable e por suposto incongruente ignorar a influencia das TIC no noso día a día. Xa hai algún tempo que camiñamos a paso lixeiro pola era dixital e en materia educativa é evidente que ese necesario cambio xa está en marcha.
O dixital controla a nosa realidade vital desde o inicio do día: o noso espertador deixou de vocexar desesperadamente na mesa de cabeceira para dar paso a unha melodía motivadora que sae do noso smartphone. Comprobar qué tempo vai na nosa cidade, revisar últimas noticias, actualizar as nosas redes sociais, buscar receitas de comida green, consultar parámetros despois dunha sesión de gym ou running, facer anotacións sobre rutinas de sono...
A nosa vida está dominada pola dixitalización, entón, por qué nos resistimos a aceptar que os nosos peques xa non vivirán xamais de maneira analóxica?
Hai xa algún tempo aliñáronse os astros para facer coincidir nun mesmo centro educativo a Nuria Garabal, Marta Álvarez e Nuria Feijóo; recentemente outro capricho do destino (tamén coñecido como CADP ou CXT) quixo que Vanessa Táboas formase parte deste equipo que comparte inquedanzas, tolemias, fame de coñecemento, ansiedade polo cambio... e 4 iPads como ferramenta didáctica.
Todas coincidimos no instinto dixital e grazas a que nos enfrascamos nunha espiral de cultura de colaboración en moi pouco tempo vímonos inmersas en longas conversacións e WhatsApps (como non?) sobre apps de todo tipo nas que fedellamos día a día sen cesar nas nosas aulas. 
Que por qué? porque todos somos conscientes de que a nosa escola debe avanzar ao mesmo ritmo que o fai a nosa sociedade. Que estes dispositivos conseguen chegar onde ás veces os mestres non somos capaces, porque as pantallas retroilumoinadas entre as súas pequenas mans emanan MAXIA... e cando a maxia ten lugar ante os ollos dun neno, a mente e o corazón ábrense e xa nada volve ser igual.
Traballamos cada día con dispositivos persoais do profesorado que brindamos ao noso alumnado porque nós cremos nesa maxia. Oxalá contásemos co apoio da administración como xa ocorre nalgunha outra comunidade autónoma para que nos brindasen os medios económicos necesarios e seguir xogando ao "abracadabra" da aprendizaxe. 
Mentres tanto... seguiremos argallando.


Osmo no Ceip nº 1

Dende hai ao redor de 3 anos, no noso centro comezamos a empregar o ipad e as súas apps como ferramenta didáctica: chatterpix kids, thinglink, kodable…  Nos últimos tempos escoitamos falar de Osmo e lanzámonos a probalo a través do préstamo do CFR.
Osmo é un sistema de xogos que permite aos rapaces interactuar co iPad de xeito práctico traballando diferentes competencias: matemática, lingüística, iniciativa e autonomía persoa e como non, a dixital.
O pack inclue un soporte para o ipad e un reflector para colocar sobre a cámara do dispositivo. Existen diferentes xogos, pero nesta ocasión tivemos a oportunidade de traballar con “Tangram” e “Words”. Antes de comezar a usalos é preciso descargar as apps gratuitas. Cando tivemos todo listo, podemos comezar a desfrutar dos xogos.
Contamos con aulas de 25 alumnos e un só dispositivo ipad, polo que para una mellor organización traballamos por recunchos en grupos de 4/5 alumnos, mentres uns están co Ipad, os demáis están noutros recunchos.
Cada xogo ven nunha Caixa na que atopamos as fichas correspondentes: no caso de Tangram as figuras do coñecido xogo e, no Words as letras do alfabeto.
Os nenos e nenas quedaron sorprendidos cando, seguindo as indicacións da pantalla e colocando as fichas como eles e elas pensaban (sempre preto do ipad para que o reflector as detecte) o xogo actuaba dunha maneira ou outra en función de se a solución era correcta ou non.

Trátase dun recurso moi motivador xa que non é so un contacto coa pantalla senón que hai una conexión entre o alumnado, os obxectos (fichas) e o ipad.
Para nós como mestras Osmo Words gustounos máis do esperado posto que permite xogar con álbumes predeterminados ou  crear contidos (álbumes) personalizados na súa web e empregalos na app, por exemplo, creamos un álbum coas fotos dos rapaces no que tiñan que completar as letras que faltaban dos seus nomes. Esta mesma actividade podémola facer con calquera centro de interese no que traballemos. Incluso máis adiante poderían ser os memos rapaces os creadores doutros álbumes.

A actividade resultou tan satisfactoria que decidimos “pedirlle aos Reis Magos” un Osmo con diferentes xogos: Words, Numbers, Tangram e Coding. Este último é un xogo de programación adaptado a todos os niveis e resultounos interesante xa que na aula gústanos moito utilizar as apps “beebot” e “kodable”, desenvolvendo no alumnado a intelixencia espacial, matemática, lingüística…